xoves, 27 de novembro de 2014

Marco instrumental: reflexión individual


Nesta última entrada no blog (alomenos, como parte das tarefas do curso), tentarei dar o meu punto de vista sobre o marco instrumental que envolve a labor do orientador laboral; cuestión bastante complexa, pola diversidade de factores que lle inflúen.

Para poñernos en situación.
Temos que partir de que o traballo do orientador carece dunha base formativa específica para a profesión. Isto fai que, de entrada, cando un profesional comeza a súa labor de orientación laboral, non ten un soporte previo de "cómo" facer. Non hai unha formación específica e os orientadores obedecen a diversos perfís formativos e laborais.

A tendencia, derivada da normativa para o emprego, é a de a atención individualizada no exercicio da orientación laboral, a cal debe ser flexible e adaptarse ó usuario. E non se trata en ningún caso de "buscarlle" traballo, se non de procurarlle as ferramentas para que o faga por si mesmo.

Partindo de esa premisa de atención individualizada, como proceso, o orientador deseñará e pactará co seu atendido o itinerario a seguir: formación transversal, formación para a búsqueda de emprego, competencias básicas, formación específica, asesoramento e titorización, etc.

En todo este proceso hai que ter en conta as circunstancias persoais de cada usuario do servizo de orientación, e en particular as dos colectivos máis vulnerables, en risco de exclusión social, etc. Pero non debemos perder en ningún momento o obxectivo principal do proceso de orientación, que é o acceso ó emprego.

Vemos, polo tanto, que a profesión de orientador laboral, a pesares de non ter un soporte académico específico, implica unha serie de competencias e coñecementos amplios e variados, coa dificultade que implica.

Unha metodoloxía: os Itinerarios Personalizados de Inserción
No contexto exposto, non cabe a menor dúbida que se fai necesaria a utilización dunha metodoloxía de actuación na orientación laboral.
A metodoloxía dos itinerarios individualizados de inserción laboral é asumida cada vez máis polos servizos públicos de emprego en España.
Un Itinerario ten unhas características moi determinadas, que fan del unha potente ferramenta para traballar con cada persoa. De aí, unha das súas características principais: a individualización
Por outro lado, a súa flexibilidade , para ir adaptándoo ás circunstancias cambiantes da persoa e da contorna.

Os itinerarios estrutúranse en fases, e sempre parten dunha primeira entrevista de "Diagnóstico". A ésta seguiranlle outras entrevistas ó longo do proceso en función do itinerario establecido e paralelamente ás actuacións a realizar: formación, asesoramento, etc.
Según Pere Tarrés, as FASES son: Acollida, Orientación, Formación, Formación en contexto laboral, Intermediación, Ocupación/Emprego e Peche.
Unha premisa fundamental dos itinerarios de inserción é o "compromiso" do atendido e do orientador: compromiso de cumprir co itinerario pactado.


A entrevista
Trátase da ferramenta fundamental para determinar a adecuación dun candidato a un posto de traballo.
Existen diversos tipos de entrevistas, en función do entrevistador, dos entrevistados, do que pretende o entrevistador, etc.(individuais, grupais, por competencias, etc.)

Nun itinerario, a entrevista é unha das cuestións que mellor debemos traballar co usuario. Hai moitos aspectos, en función do perfil: a comunicación verbal, a non verbal, as dinámicas grupais, as actitudes a amosar...
É evidente que haberá usuarios que a necesiten traballar máis que outros, ou traballar uns aspectos determinados...Precisamente por iso, é importante adestrala, tanto  a nivel individual como en obradoiros grupais, nos que podemos facer dinámicas, simulacións, así como interactuar e intercambiar experiencias reais entre os participantes.
A entrevista é un paso prácticamente "ineludible" nun proceso de selección. Polo tanto, dende o punto de vista da labor do orientador, debe ter un peso importante no itinerario o traballo que se realice ó respecto en función do perfil do usuario.

A prospección
Os orientadores laborais, como vimos comentando, teñen que "saber" de selección, de normativa, de itinerarios...unha morea de competencias. Unha máis: a prospección de empresas.
Deben (debemos) ser coñecedores do tecido empresarial da contorna onde desenvolvemos a nosa labor, establecer relacións coas empresas, asociacións de empresarios, cámaras de comercio, entidades públicas...calquera organismo público ou privado que poda servir dun xeito ou outro para a nosa labor cos usuarios.
É importante seguir unha metodoloxía de traballo na prospección, establecendo os pasos a seguir: facer un estudio "de campo", establecer os contactos previos, fixar e preparar as entrevistas iniciais, a información a facilitar e a solicitar, a documentación a entregar, detectar potenciais necesidades, informar dos servizos que podemos ofertar, establecer vínculos de colaboración, establecer métodos de avaliación e seguimento...
É importante a labor de "concienciación" cara ás empresas, sobre todo no relativo a colectivos desfavorecidos ou con especiais dificultades.
A prospección é unha tarefa na que a información debe fluir nos dous sentidos, dende o prospector/orientador ó empresario, e viceversa. Debemos facilitar e obter información durante todo o proceso.

Técnicas de acceso ó emprego
Neste punto voume deter pouco, sen pararme a describilas, xa que foi a temática desenvolvida en gran medida no taller grupal do módulo 3.
Estamos a falar de: as canles de busca de emprego, o Currículum Vitae, a Carta de Presentación, as Probas de Selección, etc.
Todas elas, son técnicas a traballar cos usuarios de orientación. Unha vez máis, sinalar a individualización dese traballo, adaptándonos ó perfil do usuario. Con algúns haberá que incidir nunhas máis que noutras e haberá usuarios cos que haberá que traballar todos os aspectos.
É importante reseñar o Currículum Vitae como "chave" de acceso a case calquera proceso de selección, e polo tanto, fundamental o traballo que se faga con cada orientado nese aspecto.

Ademáis das ferramentas "clásicas" sinaladas, cada vez cobra máis importancia o coñecemento e utilización das novas tecnoloxías na busca activa de emprego, e polo tanto, na labor de orientación. Estamos a falar do uso de Internet para a busca de emprego: webs de empresas, portais de emprego, redes sociais profesionais (Linkedin) e xenéricas (Facebook, Twitter, etc.), novas ferramentas (videocurrículum, blogues, etc.). Toda unha morea de posibilidades para ampliar as posibilidade de atopar un traballo...sempre e cando se faga un uso axeitado de ditas ferramentas.
Vemos polo tanto que tamén haberá que traballar as competencias dixitais, case como as competencias básicas tradicionais, pola evolución propia do mercado de traballo. Unha evolución constante...


Fontes e recursos:

Lantegi-Batuak Fundación: "Guía de prospección de empleos"
Blog de Alfonso Alcántara: "Yoriento"



Ningún comentario:

Publicar un comentario