domingo, 26 de outubro de 2014

MARCO PERSOAL DA ORIENTACIÓN LABORAL – REFLEXIÓN INDIVIDUAL MÓDULO 2.


 
As novas competencias dixitais.

Chegados a estas alturas do curso, metémonos de cheo no ámbito da orientación laboral, con todas as súas vertentes e as súas complexidades: comunicación, ferramentas dixitais, competencias sociais,... e todo o especificamente relacionado co traballo de orientación laboral. Un mundo!

Quizais empezamos algo desconcertados: de repente, un aluvión de novas ferramentas tecnolóxicas e o primeiro que se nos pasa pola cabeza é: “pero, vou utilizar eu todo iso para facer orientación laboral?”. Pois, como coa maioría das cousas: non todo e non sempre. Pero o feito de coñecelas danos a oportunidade de ir configurando a nosa  “caixa de ferramentas (dixitais)”, que utilizaremos segundo o que nos vaia facendo falla, as que nos resulten máis cómodas, ou máis operativas, ou máis rentables …

Novos termos: About.me, Feedly, Scoop.it, Curación de contidos, Google +,… e outros que xa nos soaban ou incluso xa usabamos, aínda que non para o noso traballo: Facebook, Linkedin, Twitter, Blogger...Novos enfoques para algúns deles, separar o uso particular do profesional, facer unha utilización coidadosa … a “pegada dixital”.
 
Podemos logo, introducir un novo concepto, segundo se inclúe no propio temario:  

“PLE (Personal Learning Environment, Entorno Persoal de Aprendizaxe polas súas siglas en inglés) pode considerarse como un ecosistema onde conflúen as ferramentas e servizos da Web 2.0 coa súa utilización no aprendizaxe persoal”. Dedúcese pois que o PLE non é soamente un conxunto de ferramentas, se non tamén unha serie de mecanismos e estratexias: de lectura, de reflexión, de relación …

Polo tanto, “todos temos un PLE”: todos recibimos e producimos información no noso ámbito laboral ou de interese. Pero deixámolo aí: é tema doutra entrada neste blog.

Ben, sobrevivimos e adaptámonos. Incluso, xa lle collemos o gusto a algunhas desas ferramentas:
“ Deus!!… e eu sen saber que existía isto!”

Pero, olliño, o bo ou menos bo das ferramentas de comunicación dixitais, depende en grande medida do seu uso. Correcto ou incorrecto. Axeitado ou non axeitado. E aí é onde aparecen os conceptos de “identidade dixital” e de “reputación dixital”.

A “identidade dixital” é a nosa presenza na rede. Polo tanto, estará baixo o noso control só en parte: non a construímos só nos mesmos, se non tamén as interaccións dos demais con nos. E iso, cómo nos afecta?

A identidade dixital, pode ser un instrumento valioso para a nosa actividade profesional,  para promocionarnos, para facer chegar o noso perfil profesional, o noso traballo, a moita máis xente, facer contactos, relacións…”networking” (outro novo concepto). Pero esixe metodoloxía, disciplina, ser moi coidadosos, selectivos, ter presentes determinados hábitos de “boas prácticas”.

En fin, xa temos novos mecanismos, ferramentas; e agora, non perdamos de vista as competencias “ de sempre”.

As competencias comunicativas e a orientación laboral.
 
Neste punto, despois da “avalancha” de novos termos, chegou Fernando Aguilar. E veu a removernos cos seus contos, historias con mensaxe. Non afondarei nas súas ponencias xa que foron obxecto da entrada grupal anterior do noso blog.

A min particularmente, gustoume, en liñas xerais. Un bo comunicador falando de comunicación, a través da secuencia: Concepto -> conto -> reflexión.

A comunicación e as habilidades sociais constitúen un soporte fundamental do traballo de orientación laboral, dende todos os seus ámbitos: escoita activa, asertividade, empatía, retroalimentación, comunicación verbal e non verbal…

Son capacidades que debe traballar constantamente o orientador laboral. No seu traballo a comunicación ocupa a maior parte do tempo, interactúa con persoas de moi distintos perfís, con situacións persoais moi diferentes, laborais, económicas, familiares, etc.

A orientación laboral é un proceso. Hai etapas e situacións diferentes que producen situacións comunicativas diferentes. Polo tanto, esixe planificación. Hai que preparar a entrevista de orientación en función da persoa e do momento no que se atopa o proceso. Debemos axustar as diferentes variables do proceso de comunicación: o ton que imos utilizar, qué obxectivo perseguimos nesa situación de comunicación, qué argumentos imos utilizar…

Hai 4 fases que de forma xeral danse nunha entrevista ou nun proceso de comunicación: Planificar, Facer, Controlar e Corrixir.

Dende o meu punto de vista, son fundamentais, pola propia esencia do traballo do orientador laboral, a escoita activa e a empatía, como dúas das competencias comunicativas máis importantes a desenvolver.

A escoita activa, para que o noso interlocutor se saiba escoitado, animarlle a falar, reforzar, mirarlle mentres falamos... procurar sempre que se sinta cómodo.

E a empatía: debe sentir que o entendemos, saber poñernos na súa situación.

Comunicamos constantemente: falando, cos xestos, coa mirada, coa actitude. E tamén somos receptores: debemos estar sempre atentos ás sinais dos demais e da contorna.

Sempre pendentes, sempre coidadosos: unha mala comunicación ou unha mala interpretación pode dar lugar a unha situación non desexable.

 
A comunicación dixital

E todo se relaciona. A comunicación tamén é fundamental no ámbito dixital, en Internet, nas redes sociais. Moitas veces coas súas propias normas, en función da ferramenta, da canle utilizada, etc.

Temos que adaptar á nosa forma de comunicar en función do medio, do público obxectivo, por exemplo: os 140 caracteres en Twitter, as etiquetas, o uso estritamente profesional (Linkedin), o uso “mixto” (Blogs), o grupo de referencia (grupos temáticos).

En certo sentido, a evolución/revolución das redes sociais e de Internet, está a facer que as formas de comunicar se adapten a eses novos usos.


Polo tanto, debemos adaptarnos constantemente: ó interlocutor, á canle utilizada, ó tipo de mensaxe a transmitir, á tecnoloxía a empregar, á situación comunicativa. Así definiría o sentir desta entrada: ADAPTACIÓN E FLEXIBILIDADE.

Pablo Bello. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario