martes, 7 de outubro de 2014

Marco conceptual para a orientación laboral: a teoría


Despois dun mes dando tumbos entre conceptos abstractos, tecnolóxicos, outros máis tanxibles e moitos deles novos, creo que compre parar un chisco para saber si ando perdido ou aínda podo segui-lo fío.

Andamos a establecer as bases, con diferentes liñas de conceptos, algunhas delas sen aparente relación entre si, que  nos axuden a conformar toda a contorna relativa á orientación laboral. É dicir, qué temos que coñecer, buscar, aprender, aplicar...na nosa labor como orientadores, para enfocarnos ó obxectivo que eu creo fundamental: a inserción laboral e a mellora da empregabilidade das persoas que atendemos.

O mercado de traballo non é que estea para moitas festas. E leva así xa uns cantos anos. Estamos a vivir dúas circunstancias paralelas:

- Por un lado, unha crise global de enorme calado económico, financeiro e, por suposto, laboral. Unha crise que está a cambiar os modelos de funcionamento deses mercados, e con consecuencias directas sobre as persoas.

- Por outro lado, vivimos en permanente evolución/revolución tecnolóxica, coas ferramentas informáticas, de redes e comunicacións cambiando por completo as relacións sociais, facéndonos todos máis globais e creándose interdependencias que é imprescindible coñecer e, na medida do posible controlar e aproveitar no noso beneficio.

Xorden novas profesións...e desaparecen outras. Novos modelos de traballo. Novas formas de comunicación. Faise obrigado reciclarse, desaprender e aprender, innovar, intercambiar coñecementos, contactos, servizos...¡Adaptarse!.
Adaptación, flexibilidade e polivalencia, son probablemente 3 das características máis valoradas actualmente nun traballador ou nun candidato.

Vexamos uns exemplos de novas profesións.

Ilustrativo ¿non?

Pero, ¿qué ferramentas temos para levar a cabo ese cambio?. Non se trata dun cambio coxuntural, se non dun cambio estrutural de todo o sistema: económico, educativo, laboral...un cambio a longo prazo e que non está firmemente determinado nas políticas e medidas que se toman ó respecto, condicionado por factores e intereses económicos, políticos, sociais, etc.

No ámbito das políticas de emprego, as directrices globais veñen marcadas pola Unión Europea, e os países membros teñen que axustarse a elas e adaptalas na medida do posible ás súas circunstancias nacionais e mesmo rexionais.
As medidas para a mellora do emprego, a formación dos traballadores e dos desempregados, as políticas sociais, as axudas, subvencións, programas, becas...derivan das medidas que se toman a nivel europeo para o conxunto dos estados membros da Unión.

Cada vez establécense máis programas a medio prazo para tender a uns obxectivos comúns, outorgando máis axudas ou beneficios ós países ou zonas con maiores necesidades. Preténdese a converxencia. Pero iste obxectivo é para o longo, moi longo prazo.
Cando antes citaba as ferramentas, deixei a pregunta no aire: ¿cales necesitamos para acometer cambios? A maior parte delas establécense nas políticas activas de emprego, dun xeito ou outro. No noso caso, e polo que nos toca directamente como orientadores laborais, vimos nestes días dúas un pouco máis en detalle:

- Os certificados de profesionalidade, no ámbito da formación
- O emprendemento, como alternativa de acceso ó mercado laboral.

Neste post, non me vou estender coa explicación detallada sobre en que consisten, non é o meu propósito. Pero si comentar brevemente o meu punto de vista.

Os certificados de profesionalidade asúmense como unha necesidade que ven de longo, de cara a homoxeneizar a acreditación profesional, ben pola vía da experiencia profesional ou ben pola vía da formación. Son un instrumento de confluencia entre o ámbito laboral e o formativo, de forma que un traballador poda pasar dun a outro indistintamente e en calquera momento para completar e acreditar a súa formación nun determinado ámbito. Nese aspecto, constitúen un avance de cara a un mellor recoñecemento e a unha homoxeneización respecto a Europa.

En relación ó emprendemento, máis que unha ferramenta, trátase dunha filosofía de traballo, dunha pata mais do banco da economía dun país; as políticas activas de emprego cada vez fan mais fincapé no mesmo como unha das saídas laborais máis importantes e a súa vez, como un dos motores principais das economías nacionais.
Pero para fomentalo, faise necesario: un incremento considerable das axudas e das medidas económicas e fiscais que o favorezan, unha simplificación dos trámites e da burocracia, unha formación axeitada ó emprendedor (dende o ensino obrigatorio) e un asesoramento continuo.
En España, aínda que cada vez hai mais emprendedores, todavía estamos lonxe dos niveis dos países desenvolvidos da nosa contorna, e polo tanto, faise máis necesario incrementar as medidas citadas.

E ¿agora qué? ¿temos as cousas máis claras, a base conceptual para o noso traballo de orientación? Xa veremos...seguimos traballando.

Pablo Bello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario